American Numismatic Association

Non confundir con American Numismatic Society.
American Numismatic Association
—ANA—
(Asociación Numismática dos EEUU)
Numismatist June 1948.jpeg
Exemplar de The Numismatist (1948)
Publicación periódica da
American Numismatic Association
Presentación
Data fundación 1891
Fundador George F. Heath
Localización Colorado Springs
Flag of Colorado.svg Colorado
Estados Unidos de América Estados Unidos
Area servida Estados Unidos
Método Investigación, publicacións, biblioteca, museo e organización de eventos.
Slogan De profuncis
Páxina web Sitio web da entidade
Premios Outorgados:
- Farran Zerbe Memorial.
- Medalla ao Mérito.
- Glenn Smedley Memorial.
- Elvira Clain-Stefanelli Memorial.
- [...]

A American Numismatic Association -ANA- (en galego: "Asociación de Numismática dos Estados Unidos") é unha sociedade erudita e sen ánimo de lucro dos Estados Unidos dedicada ao estudo, á investigación e á difusión da numismática, desde as perspectivas educativa, histórica e científica. Foi fundada en Colorado Springs, en 1891 por George F. Heath e recibiu do Congreso dos Estados Unidos o recoñecemento oficial como entidade de ámbito nacional (Federal Charter) en 1912[1][2][3]

A ANA ten máis de 25.000 membros que se acollen a diversos beneficios, como descontos, o acceso a seccións privadas do sitio web e a subscrición á revista The Numismatist, de periodicidade mensual. Na sede social en Colorado Springs atópanse as oficinas de administración, a biblioteca e o museo do diñeiro.[1][2][3][4]

Á fronte da ANA está unha xunta directiva, auxiliada nas súas funcións por diversos comités asesores. Entre os seus programas é de salientar o dedicado á promoción da numismática entre a xuventude. Outra das súas actividades máis destacadas é a organización dunha convención, que se celebra anualmente desde 1891 (con algunha interrupción) ao longo de todo o territorio dos EEUU, e que en 1978 pasou a desdobrarase en dúas convencións anuais. Ademais, a ANA recoñece co premio Farran Zerbe Memorial os seus membros máis destacados, e mantén actualizado un "salón da fama".[1][2]

George F. Heattz, da pequena localidade de Monroe, en Michigan, cultivaba o seu coñecemento da historia mundial a través da súa colección de moedas, mais na súa vila non era quen de acceder a determinados exemplares e quixo facer partícipes outros numismáticos das súas necesidades. Así as cousas, en 1888, imprimiu, publicou e distribuíu un folleto de catro páxinas que titulou Numismatist ("Numismático") , no que engadía unha listaxe coas moedas que precisaba e as repetidas das que dispuña para a súa venda ou o seu intercambio, e onde tamén comentaba diversos temas numismáticos.[3][5][6]

Aquela publicación incipiente atopou moi bo acollemento entre outros coleccionistas dispersos e, á medida que medraba o número dos seus subscritores, ficaba patente a necesidade dunha organización que agrupase os coleccionistas a nivel nacional. O número de febreiro de 1891 propuña a cuestión "E se houbese unha asociación de numismática dos EEUU?", seguida dunha declaración de intencións: "non hai nada como a alianza dos intereses comúns para estimular o crecemento e o interese".[1][5][6]

Os días 7 e 8 de outubro daquel mesmo ano, cinco homes —o propio Heath, William G. Jerrems, David Harlowe, J. A. Heckelman e John Brydon—, que representaban outros 26, xuntáronse en Chicago con outros 61 interesados na cuestión. O resultado daquela xuntanza foi a fundación da American Numismatic Association, que se constituía como a organización numismática sen ánimo de lucro que abranguía unha área máis grande en todo o mundo.[5][6]

Desde os primeiros momentos, Heath propuxo a idea dunha convención numismática na que os membros da asociación puidesen establecer os seus contactos. A primeira destas convencións tivo lugar no mesmo 1891 e mantívose anualmente ata 1895; despois celebrouse en 1901 e en 1904, e a partir da convención de Columbus, en Ohio, de 1907, tomou consistencia o seu carácter anual.[5][6]

Farran Zerbe, presidente da ANA de 1808 a 1810

O 16 de xuño de 1908 Heath morreu repentinamente e o que daquela era presidente da entidade, Farran Zerbe, asumiu o empeño de seguir editando The Numismatist, e de camiño lles comprou aos herdeiros de Heath a cabeceira, que era da súa propiedade. En 1911, o canadense de Montreal W. C. C. Wilson mercoulle ao novo propietario a titularidade de The Numismatist e púxoa ao dispor da ANA. Desde esa data a revista é propiedade da asociación e publícase con periodicidade mensual.[6]

O 9 de maio de 1912, a ANA obtivo co Congreso o recoñecemento como asociación de ámbito nacional mediante a sinatura dun recoñecemento chamado Federal Charter por parte do presidente William H. Taft.[3][5][6]

En 1962, o congreso aprobou unha emenda presentada polo congresista Wilbur Mills e o senador John L. McClellan, ambos de Arkansas, para facer permanente a consideración de asociación de ámbito nacional, que foi asinada o 10 de abril polo presidente John F. Kennedy.[5][6]

O 29 de abril de 1961 estableceuse un fondo para a construción dun edificio que servise de sede central da American Numismatic Association, para o que se escolleron uns terreos en Colorado Springs. A inauguración das obras tivo lugar o 6 de setembro de 1966 e, logo de acadar uns fondos de 250.000 dólares para a construción, a sede da ANA inaugurouse o día 10 de xuño de 1967.[5][6]

Dólar de 1804, no Museo do Diñeiro da ANA

A partir de entón, a sede de Colorado Springs converteuse no núcleo da actividade da asociación; desde alí diríxese a súa administración e alí prodúcese The Numismatist, con Barbara J. Gregory como editora e nutrido por colaboracións de moitos dos seus membros.[1][5]

As instalacións albergan unha das bibliotecas numismáticas máis importantes do mundo, onde se lles prestan aos seus membros libros, obras videográficas e material educativo sen ningún custo engadido ao propio do seu envío a calquera parte dos EEUU.[1][5][6]

Á parte das afiliacións individuais, a ANA conta entre os seus membros con outras entidades asociativas de carácter local, como é o caso do Beberly Hills Coin Club ou do Chicago Coin Club.[1][2][3][5][7][8]

Outro dos servizos da asociación é o seu Museo do Diñeiro, que contén arredor de 250.000 obxectos que abranguen a historia de numismática desde o uso da premoeda ata o século XXI.[3][9] A colección Harry W. Bass componse de moedas de ouro estadounidenses, probas e espécimes experimentais e papel moeda.[1] O museo tamén ofrece exposicións temporais de historia do diñeiro, arte, arqueoloxía, economía monetaria e coleccionismo de moeda. Os membros da ANE poden estudar as pezas expostas no museo e, con cita previa, poden acceder a outros materiais para os seus propósitos investigadores.[2][3][5][6][10]

A ANA con máis de 25.000 membros, que poden ter unha afiliación por un, tres ou cinco anos, ou ben con carácter indefinido. O custo desta última modalidade é de entre 800 e 1.200 dólares, en función da idade, e dá dereito tamén á recepción da versión impresa de The Numismatist e ao acceso restrinxido á súa versión en liña.[2]

Membros da xunta directiva da ANA en 1937

A xunta directiva da ANA componse de nove membros: o presidente, un vicepresidente e sete vogais, todos eles elixidos polos membros da asociación bianualmente, nos anos impares. Para seren elixidos membros da xunta directiva deben ter unha antigüidade mínima na asociación de tres anos, e o presidente e o vicepresidente deben ter exercido con anterioridade como vogais. O tempo máximo que se pode estar na xunta directiva é de 10 anos.[5]

A composición da xunta directiva elixida en 2019 é a seguinte:[11][12]

  • Presidencia: Steven K. Ellsworth.
  • Dirección executiva: Kim Kiick.
  • Vicepresidencia: Ralph W. Ross.
  • Vogais: Clifford Mishler, Grag Lyon, Mary Lynn Garrett, Paul Montgomery, Shanna Schmidt, Michael L. Ellis e Muriel Eymery.
L. W. Hoffecker, presidente da ANA de 1939 a 1941

Listaxe de presidentes de ANA

Barry Stuppler, presidente da ANA de 2007 a 2009

A American Numismatic Association tivo máis de 60 presidentes desde a súa fundación en 1891. O seu primeiro presidente foi W. G. Jerrems, quen o ano seguinte foi sucedido polo fundador da entidade, George F. Heath. Estes son os seus nomes e os seus períodos de mandato:[5][13]

A ANA conta tamén con diversos comités asesores, algúns de carácter temporal —como o conformado para definir unha visión estratéxica da xunta en 2012 ou os constituídos para asesorar investigacións concretas— e outros permanentes, que son os seguintes:[5][14]

  • Lexislación e ética.
  • Convencións e relacións comerciais.
  • Exposicións e premios.
  • Finanzas, orzamentos e auditorías.
  • Biblioteca.
  • Afiliación.
  • Museo.
  • Resolucións.
  • Tecnoloxía.
  • Xuventude e novos talentos numismáticos.

A ANA conta con diversos programas orientados á difusión da numismática entre os máis novos. En tres destes programas, os rapaces poden obter moedas como premio por completaren con éxito actividades relacionadas: un centrado nas primeiras moedas de cobre dos EEUU, outro sobre as moedas da Antigüidade e outro que se ocupa das moedas dun dólar. Outro dos programas premia os cativos con moedas para as súas coleccións a cambio de obter unhas boas cualificacións escolares. Desde 1968, a ANA outorga anualmente un premio ao numismático xuvenil máis destacado.[1][5][15]

O daquela presidente da ANA, T. James Clarke (centro), amosa a súa colección de moedas raras dos EEUU no transcurso da World's Fair of Money de Washington, en agosto de 1937.

Seminario de Verán da ANA

O Seminario de Verán de ANA componse dunha serie de actividades de carácter académico dirixidas por expertos numismáticos, a maioría dunha semana de duración, que teñen lugar en Colorado Spring a mediados de cada verán (xeralmente na derradeira semana de xuño e na primeira de xullo). Os asistentes son de todas as idades e divídense entre coleccionistas, afeccionados e numismáticos profesionais, e hai programas educativos especiais para os máis cativos. Tanto a ANA como algunhas asociacións locais promoven bolsas para favorecer a asistencia a estes seminarios de verán.[5][16]

Convención anual da ANA

A ANA organiza tamén convencións anuais desde 1891; a partir de 1978 pasaron a desenvolverse dúas cada ano. A primeira destas convencións, que se celebra na primavera, coñécese como National Money Show ("Mostra Nacional do Diñeiro"), en tanto que no verán ten lugar a World's Fair of Money ("Feira Mundial do Diñeiro"). Nos anos 2011 e 2012 organizáronse, extraordinariamente, tres convencións, xa que en paralelo á Mostra de primavera se celebrou, neses anos, outra no outono.[17][18]

Nestes eventos desenvólvese unha importante actividade de compra-venda de moedas e hai outras actividades, como exposicións, programas educativos, actividades infantís, poxas numismáticas e reunións e asembleas dalgunhas das organizacións afiliadas á ANA.[5][18]

Estes son os premios outorgados anualmente pola American Numismatic Society:[5][19]

  • Farran Zerbe Memorial. O é o maior dos premios concedidos pola American Numismatic Association, e outórgase como recoñecemento aos membros con anos de servizo excepcional á asociación e á numismática. Os receptores deben ter sido galardoados previamente coa Medalla ao Mérito e co premio Glenn Smedley Memorial Award.
  • Medalla ao Mérito. Recoñécense os anos de servizo á asociación e a promoción da afección pola numismática.
  • Glenn Smedley Memorial. Creado na memoria do coleccionista Glenn B. Smedley, para recoñecer as persoas que máis esforzos teñan realizado en favor da ANA.
  • Outros premios:
    • Premio á traxectoria (Lifetime Achievement Award).
    • Elvira Clain-Stefanelli Memorial.
    • Numismático do Ano.
    • Numismático Xuvenil do Ano.
    • Premio da Arte Numismática pola Excelencia da Escultura Medallística.
    • Adna G. Wilde Jr. Memorial aos Servizos Exemplares.
    • Lawrence J. Gentile, Sr. Memorial ao Asesor Excelente.

Ademais, a ANA, en conxunto coa American Numismatic Society e o Gremio Literario Numismático (Numismatic Literary Guild) outorga o Premio Burnett Anderson Memorial (formalmente e en inglés: Burnett Anderson Memorial Award for Excellence in Numismatic Writing) concedido anualmente a un autor, xornalista ou investigador en recoñecemento das contribucións á numismática entendida como un hobby, feitas ao longo da súa carreira.[20]

Por outra parte, no Salón da Fama (Numismatic Hall of Fame) da American Numismatic Association figuran personaxes tan relevantes da numismática estadounidense como Barclay Vincent Head, Edward T. Newell, Farran Zerbe, Q. David Bowers, Eric P. Newman, Agnes Baldwin Brett, Margo Russell .[21]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 O'Donnell, J. (2014). "What is the American Numismatic Association?". En Coin World. 17 de novembro.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "The American Numismatic Association". En Coin Week.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 "American Numismatic Association". D-Lib Magazine. Vol. 8. Nº 2. Febreiro de 2002.
  4. "ANA Member Benefits". No sitio web da ANA.
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 5,12 5,13 5,14 5,15 5,16 5,17 5,18 Bowers, Q. D. (1991). The American Numismatic Association Centenial History. 2 volumes. Bowers & Merena Galleries. Wolfeboro. ISBN 978-0943161297
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 6,9 "ANA History. 125 Years of Collecting with the American Numismatic Association". No sitio web da ANA.
  7. Sitio web do Beberly Hills Coin Club.
  8. Sitio web do Chicago Coin Club.
  9. Sitio web do Museo do Diñeiro da ANA.
  10. "Money Museum". No sitio web da ANA.
  11. "Ellsworth to Become 61st ANA President at Chicago 2019 World’s Fair of Money". En Coin Week. 3 de xullo de 2019.
  12. "ANA Board of Governors". No sitio web da ANA.
  13. "ANA Presidents 1891 to the Present". No sitio web da ANA.
  14. "ANA Committees". No sitio web da ANA.
  15. "Young Numismatists (ages 5-17)". No sitio web da ANE.
  16. "ANA SUmmer Seminar". No sitio eb da ANA.
  17. 17,0 17,1 "Convention History. 1891 to Present". No sitio web da ANA.
  18. 18,0 18,1 "ANA World's Fair of Money: The center of the collecting universe". En Coin World.
  19. "ANA Service Awards". No sitio web da ANA.
  20. "Peter van Alfen receives 2019 Burnett Anderson Memorial Award". American Numismatic Society.
  21. "Numismatic Hall of Fame". American Numismatic Association.

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Copyright