ISBN

ISBN é a abreviatura do número internacional para a catalogación de libros (International Standard Book Number), código de 10 ou 13 díxitos que identifica biunivocamente calquera libro editado legalmente no mundo.

O ISBN consta das seguintes partes:

  • Os primeiros (un, dous ou tres) díxitos correspóndense co país, grupo de países ou lingua común: O código para España é 84 (que para o sistema de código de barras EAN-13 é 978-84) e para Portugal son dous: 972 e 989 (constando para un total de 6240 editoriais). Para EUA é 0 ou 1, para Francia é 2 e para Alemaña é 3. Algunhas rexións francófonas usan o número 2 para o francés (francobelgas, africanos,...) mentres que para o castelán non pasa o mesmo (Arxentina usa 950 e 987). Andorra ten dous números propios e independentes do castelán ou francés: 99913 e 99920;
  • Estes van seguidos cun código que identifica a editorial ou casa impresora. O número de díxitos do código da casa editora correspóndese normalmente co seu volume de títulos: o código da entidade con maior volume editor da lingua galega, a Xunta de Galicia, tén tres cifras mentres que o resto ten tres, catro ou máis (véxase unha breve listaxe abaixo);
  • Tras estas partes vai un número dado pola editorial consecutivamente para os seus libros;
  • Ó final aparece un díxito de control (que pode ser un número ou a letra X);

O ISBN vai normalmente dividido con guións e especificado nalgún ou en todos estes lugares do libro:

  • Na parte superior do código de barras, normalmente na lapela exterior posterior do libro;
  • Na páxina anterior ó título, en páxina par, normalmente xunta o depósito legal;
  • Na última páxina do libro, onde indica o obradoiro gráfico e a data onde se imprimiu o libro;

En 1965 W. H. Smith era o maior distribuidor en Londres que quixo poñer en funcionamento un sistema de orde nos seus novos almacéns informatizados. Asesorado polo British Publishers Association's Distribution and Methods Committee (BPADMC, Comité para a distribución e métodos da Asociación de editoriais británicas), ideouse o SBN en 1966 e aplicouse en 1967.

Contra esas datas, o Comité Técnico 46 da ISO estudou a aplicación a nivel mundial do método SBN: houbo primeiro unha reunión con representantes da UNESCO, Dinamarca, Francia, Alemaña, Éire, Holanda, Noruega, Reino Unido e EUA e logo outras dúas en Berlín e Estocolmo, xa con membros da ISO. Tras este tempo aprobouse a implantación do ISBN mediante a norma ISO 2108.

Na actualidade, o Publishers' International ISBN Directory (PIID, Guía ISBN Internacional de Editoriais) contén 628795 editores de 218 países. A partir do ano 2007 se implantará un sistema de ISBN de 13 díxitos. En España tódolos editores teñen un código asignado, e tódolos libros á venda teñen ISBN, pois só se exceptúan os gratuítos.

Evolución da produción editorial en galego

Como se pode comprobar, as relacións non sempre son biunívocas para as editoriais nin para os códigos (604 úsase para Edicións A Nosa Terra, AS-PG e NigraTrea), pero isto non impide que sexa un número único para cada edición dun libro. Tamén se pode observar que non teñen relación en absoluto coa localidade sede da editorial. As chamadas autoedicións ou edición de autor teñen números moi diversos. Por outra banda, as chamadas reimpresións conservan o mesmo ISBN có orixinal: dentro destas considéranse aqueles libros onde só se modificou o prezou ou menos dun 5% dos contidos. Para as reedicións, renovacións e modificacións de formato, úsase un novo ISBN. Os ISBN úsanse para edicións non perecedoiras (calendarios, axendas) e se xorden da colaboración entre dúas entidades editoras é preferible que teñan dous ISBN. En certos países é obrigatorio por lei (en España non, dende 2009). Existen países nos que hai que pagar inicialmente para conseguir un código de editorial (na zona 0-1, dende 33 dólares australianos) mentres que noutros códigos territoriais é gratuíto.

A Wikipedia identifica automaticamente a cadea ISBN que vaia seguida dun código numérico separada simplemente por un espazo. Non é necesario colocarlle un punto nin dous puntos para separala: pode verse un exemplo na bibliografía de Lorenzo Varela, onde os ISBN non están marcados con dobres corchetes ().

Debe notarse tamén que, en moitas ocasións, a consecución dun ISBN territorial propio considérase unha cuestión identitaria. Que as Antillas holandesas, as antigas repúblicas soviéticas ou iugoslavas e os territorios de fala propia en estados multilingües (cataláns con Andorra en España, flamengos en Bélxica, alemáns e italianos en Suíza ou franceses no Canadá, Suíza e Bélxica) cheguen a ter un código territorial distintivo dentro do ISBN é interesante para as súas reclamacións culturais e mesmo aspiracións independentistas. Neste sentido, o seu comportamento é o mesmo que ante a consecución de dominios de internet.

Outros artigos

  • distribución editorial galega
  • Depósito legal, identificador español de imprentas
  • ISSN, identificador de publicacións periódicas
  • ISMN, identificador de obras musicais
  • ISRC, identificador de gravacións
  • ISWC, identificador de propiedade intelectual
  • ISAN, identificador de obra audiovisual
  • DOI e URN, identificadores de publicacións en internet
  • Código de barras EAN-13

Ligazóns externas

Other Languages

Copyright