Paul Balog

Paul Balog
–Pál Balog–
Datos persoais
Nacemento 15 de agosto de 1900
Lugar Coa Hungary Town Budapest big.svg Budapest
Hungría Hungría
Falecemento 6 de novembro de 1982 (82 anos)
Lugar Insigne Romanum coronatum.svg Roma
Italia Italia
Nacionalidade Húngaro nacionalizado italiano.
Cónxuxe Ilona Plichper (1926).
Actividade
Campo Numismática, arqueoloxía e medicina.
Alma máter PTE cimer kicsi.png Universidade de Pécs.
Contribucións e premios
Coñecido por Numismática do mundo musulmán.
Influído por Marcel Jungfleisch.
Premios - (1968): Medalla da RNS.
- (1971): Medalla Huntington (ANS).
- (1972): Jeton de Vermeil (SFN).
editar datos en Wikidata ]

Paul Balog (orixinariamente en húngaro: Pál Balog), nado o 15 de agosto de 1900 en Budapest e finado o 6 de novembro de 1982 en Roma, foi un numismático, arqueólogo e médico húngaro nacionalizado italiano, especialista na numismática do mundo islámico.[1][2]

Pau Balog naceu nunha familia acomodada de Budapest, fillo de Soma Balog e da súa muller, Iren Mittelmann, e na súa infancia sufriu os rigores da primeira guerra mundial e da devastación da posguerra no seu país.[3]

Neste contexto, Balog estudou a carreira de Medicina en Budapest e na Universidade de Pécs, da que se graduou en 1926 coa especialidade en dermatoloxía. Ese mesmo ano casou coa croata Ilona Plichper, tamén dermatóloga, e xuntos viaxaron a Exipto e establecéronse no Cairo, onde el foi nomeado director do laboratorio do Hospital Italiano Umberto I, posto que ocupou ata a súa xubilación en 1961.[3]

No campo da medicina colaborou a partir de 1935 coa Universidade de Pécs e foi un prolífico autor de artigos de investigación científica.[4]

No Cairo comezou a interesarse pola moeda do mundo islámico, influído polo numismático e enxeñeiro agrícola francés Marcel Jungfleisch, especialista nese ámbito, que levaba establecido alí desde 1902. Cara a finais da década de 1930 comezou a súa colección de moeda islámica, particularmente de Exipto, que chegou a ser moi relevante, e en 1949 publicou os seus primeiros artigos numismáticos, no Bulletin de l’Institut d’Égypte.[1][4]

Os problemas de saúde fixeron que tivese que retirarse da profesión médica en 1961, o que lle permitiu dedicarse por completo ao estudo da numismática. En recoñecemento da súa dedicación de máis de tres décadas ao Hospital Italiano do Cairo, o Goberno italiano concedeulle a nacionalidade italiana, e Balog e a súa muller decidiron instalarse en Roma a partir de 1964.[1][5]

Os resultados das súas investigacións sobre a moeda árabe de Exipto, así como a importante colección de pezas que foi reunindo ao longo da súa vida, foron a base do proxecto Sylloge of Islamic Coins in the Israel Museum.[6]

Publicacións

Ademais das numerosas contribucións con artigos publicados nas principais revistas de numismática e arqueoloxía da súa época, sinaladamente Revue Belge de Numismatique, Revue Numismatique e Bulletin de l'Institut d'Égypte, o máis salientable dos traballos de Balog condénsase en tres monografías.[7][8]

En 1988, conmemorando o sexto aniversario do seu falecemento e no marco da Conferencia Internacional de Numismática Islámica, o Israel Museum de Xerusalén honrou a súa memoria cunha publicación de homenaxe con textos en inglés e en árabe, co título de In memory of Paul Balog.[9]

Pola súa banda, a Sociedade Numismática de Israel publicou en 1991 o volume de homenaxe titulado Studies in Memory of Paul Balog.[10]

Ademais, Balog foi nomeado en 1957 membro honorario da Comisión Internacional de Numismática, en 1972 membro correspondente da American Numismatic Society, e en 1978 membro honorario da Real Sociedade Asiática.[1][11]

Premios

Bibliografía

Other Languages

Copyright